29/10/24

A LENDA DOS ZONCHOS

Este ano dedicamos algunhas actividades e parte da decoración da biblioteca á lenda dos zonchos, que relaciona o día das ánimas co produto estrela dos nosos magostos: a castaña.

Foi a nosa compañeira Patricia quen tivo a idea e nos informou sobre ela. 

Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos

(Cantares Gallegos, Rosalía de Castro)

 





Coa chegada de novembro facemos os magostos, esa celebración onde a comida consiste fundamentalmente en castañas asadas” e tamén festexamos o Samaín e os días de Defuntos e Todos os Santos. En relación a eles, os magostos, semellan unha sorte de banquetes funerarios, ou ‘comida en honra de todos os defuntos da parroquia’, que se celebran en moitas culturas do mundo.

 Cómpre lembrar que varias fontes consideran o castiñeiro como unha árbore funeraria. É dicir, estamos nun tempo do calendario que está cheo de ritos e tradicións fúnebres, probablemente milenarias. Un exemplo é o modo en que debe morrer o lume dun magosto, que non se pode apagar e hai que deixalo esmorecer por si só, para que se poidan quentar as almas vidas do alén, ás que tamén lles debemos deixar as castañas sobrantes.

ZONCHO é unha das palabras que a nosa lingua ten para designar as castañas cocidas. Un nome como os múltiples que existen para nomear os distintos tipos de castañas, un dos produtos galegos máis importantes da gastronomía do país durante centos de anos ata que foi sendo substituída pola pataca. Con todo, a castaña segue sendo moi importante na cultura gastronómica e popular de Galicia e está asociada a moitas das nosas tradicións, entre elas, o Samaín, o Magosto ou o Nadal.

 Unha das tradicións relacionadas coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos COLARES DE ZONCHOS, “castañas cocidas coa pelica” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Estes colares póñenselle no pescozo ás crianzas nos días 1 e 2 de novembro, especialmente no día de Defuntos, para ir ao camposanto, este colar sérvelles por unha banda de amuleto protector contra os espíritos, por outra, como elemento liberador, xa que, por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.

Decoración con lendas e colares


Esta decoración convive con outras figuras propias da época. 


Se vés á biblioteca estes días, ten especial coidado en gardar silencio, que hai xente lendo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario