Este ano celebramos o Samaín cunha chea de actividades arredor da lectura, da narración oral e da representación teatral. A biblioteca e outros espazos do centro enchéronse de historias, ánimas e moito misterio.
O alumnado de Oratoria preparou unha lectura dramatizada de «A caixa de morto», de Ánxel Fole, para o alumnado de 1.º ESO B. A escuridade, as lanternas e a ambientación preparada para a ocasión contribuíron a crear unha atmosfera perfecta para escoitar o relato e pasar un pouco de medo.
O alumnado de 4.º ESO PDC representou «A cea de ánimas». A escena, iluminada con candeas e farois, recreou unha cea espectral na que as ánimas, cubertas de branco e ocultas tras as súas máscaras, foron as protagonistas. O Departamento de Lingua Galega encargouse da preparación da decoración, das máscaras e do vestiario empregados na representación.
Finalmente, o alumnado de Oratoria visitou as aulas de 1.º, 2.º e 3.º de Primaria para contar «O ano en que os pitos perderon a cabeza». Os máis pequenos e pequenas seguiron con atención esta historia, nun encontro que permitiu compartir a lectura entre diferentes etapas do centro.
Foi un Samaín cheo de lecturas, teatro, creatividade e, por suposto, moito medo.





.jpeg)
.jpeg)


.jpeg)
.jpeg)


No hay comentarios:
Publicar un comentario